Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Promoven a creación dunha escola de lecer en Redondela
Política • 19/01/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A proposta parte dunha iniciativa do PSOE e conta co apoio de todos os grupos da oposición que avalan a posta en marcha dunha escola de ocio e tempo libre que coordine un programa de actividades orientadas a todo tipo de público e idades. Unha proposta que saíu adiante no últmio pleno municipal malia contar co voto en contra do PP, grupo que entende que a oferta procedente de concello e centros culturais xa da resposta ás necesidades da cidadanía neste sentido.


Ampliar o número de actividades que a día de hoxe se organizan directamente dende o concello orientadas a ofertar aprendizaxe de idiomas, teatro, guitarra... en definitiva, recuperar o espírito das escolas municipais que no pasado funcionaban no Multiúsos da Xunqueira é a idea que a socialista Anabel Rey defendeu no último pleno municipal e que saiu adiante ao contar co voto a favor do resto dos grupos da oposición. O obxectivo sería poñer en marcha a partir do mes de setembro unha escola municipal de lecer que incluise un pack de actividades e que servise de "ferramenta dinamizadora ante a diminución constante nos últimos anos en Redondela desta oferta cultural e formativa" a consecuencia segundo o PSOE "da falta de interese e deixazón dos concello".


Dende o BNG apoiaron a proposta insistindo na necesidade de non restrinxir esa escola ao público xuvenil e de incluír no posible pack de actividades oferta para todos os públicos.


Tamén AER amosou o seu apoio a moción do PSOE, por entender que serviría ademais para completar a oferta xa existente e que se poida dar nas parroquias "coordinándose cos centros culturais e asociacións".


Argumentos que non convencen ao PP grupo que entende que "esta proposta choca de fronte co que xa están facendo outros colectivos e que a súa posta en marcha suporía sacar recursos a outras asociación e colectivos e, por outra banda, duplicar actividades que xa se poidan estar ofertando dende as parroquias". Carmen Amoedo cualificaba a iniciativa de "brinde ao sol" e aseguraba que dende o concello xa se ten en marcha unha ampla oferta con cursos de informática ou tai-chi.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: