www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Soutomaior conxela os impostos locais por quinto ano consecutivo
Política • 17/01/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Soutomaior anuncia unha nova conxelación de taxas municipais para este ano. Unha medida que adopta desde 2013 co obxectivo de conter a presión fiscal sobre os seus veciños. Así, impostos como a rodaxe dos vehículos, rede de sumidoiros, vados de aparcadoiro, obras e todos os derivados de ordenanzas fiscais municipais manterán o seu importe neste 2017.


O obxectivo, segundo explican dende o concello, é manter a presión fiscal sen cambios de xeito que os veciños pagarán en 2017 o mesmo que en 2013. O alcalde de Soutomaior indicou que a política ditada nestes últimos anos polo goberno local foi a de conxelar todas as taxas e impostos municipais para evitar deste xeito a carga sobre os cidadáns e apostar pola loita contra a fraude en moitos dos impostos. É unha aposta pola eficiencia da xestión económica municipal. "Unha eficiencia que nos permitiu alcanzar a débeda 0 e conxelar os impostos durante este catro anos" engadiu o alcalde que se mostrou moi satisfeito ao poder cumprir desta maneira unha das súas promesas electorais.


Ademais da conxelación de impostos, o Concello tamén anunciou o seu programa de melloras e investimentos para este ano. Destacan proxectos como o de recuperación de patrimonio nos barrios de Lourido, Moreira, Lavandeira e Montesiña; as melloras nos accesos ao Peirao de Arcade e instalacións deportivas e a nova proposta ambiental de escola de horta urbana e ecolóxica.


Do mesmo xeito revisáronse á alza todas as previsións en materia de investimento social, principalmente as destinadas a cubrir as axudas a material e transporte escolar así como as subvencións a asociacións culturais e deportivas do municipio.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: