www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Maio de 2018

O Choco presenta a súa canle de Youtube con María Figueroa como protagonista
Deporte • 12/01/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O Choco dá un paso máis na súa comunicación co lanzamento oficial da canle de Youtube do club e, con motivo deste feito, a entidade escolleu unha entrevista coa futbolista cadete María Figueroa, un dos símbolos da canteira. A entidade empregará esta nova canle para dar a coñecer a actualidade do primeiro equipo pero tamén recoller novas da canteira, historia e entrevistas.


A canle de Youtube do Choco buscará converterse nunha canle de comunicación constante da entidade futbolística. O club tentará contar historias e pretende ir máis alá do primeiro equipo. Haberá contidos do grupo de Terceira División, pero tamén cousas de canteira, historia e entrevista con persoas relevantes na historia da entidade. Tamén anima ós afeccionados a colaborar coa canle e compartir os vídeos que tomen de partidos ou de momentos relacionados co club. Deste xeito, entre todos poderase crear unha rede audiovisual choqueira.


E para arrancar elixiron a María Figueroa, xogadora que foi designada mellor deportista promesa na gala do deporte de Redondela 2016 e habitual nas convocatorias das seleccións galegas. A xogadora comezou no club irmán do Casa Paco dende ben pequena e pasou por todas as categorías inferiores da entidade. É de Redondela e o seu irmán tamén está enrolado no Choco, polo que reúne tódolos valores da entidade.


Na entrevista, a futbolista conta os seus inicios no fútbol, os plans de futuro e tamén as sensacións vividas cando recolleu o galardón na gala do Deporte de Redondela. Ademais, tamén explica o momento especial vivido cun gol un pouco inesperado.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: