www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 15 de Outubro de 2018

A SAR Rodavigo arranca a segunda volta coa "presión" de repetir os bos resultados da primeira
Deporte • 10/01/2017
Autor: Ana Prieto

Malia ser un dos equipos máis modestos da División de Honra Prata, as de Redondela lideraron a táboa durante varias xornadas. Logo dunha espléndida primeira volta, chegaron ao ecuador da competición na quinta praza, a tan só tres puntos do líder, o Xixón.


O adestrador, Lisardo Covelo "Chini", rescoñece que os resultados foron "moito mellores" do que se agardaba na súa segunda temporada en Honra Prata. Agora afrontan a segunda volta "con máis presión" porque deixaron o listón "moi alto". Recoñece que existe "certo medo" de non poder cumprir coas expectativas, malia que asegura que "traballarán e pelexarán" para manterse entre os cinco mellores. Advirten que a tarefa será complicada, nunha liga moi competitiva e igualada, onde entre o liderado e a metade da táboa hai tan só catro puntos de distancia. Confían en contar co apoio da afección, que esta temporada está a acudir en masa ao pavillón redondelán para apoiar á SAR Rodavigo, con entradas que rondan os 400 espectadores. "Chini" ten claro que o mérito é das xogadoras, que non aforran "en traballo e coraxe". Logo do descanso de Nadal, esta fin de semana volven á competición. Arrancan a segunda volta cun longo desprazamento a Santander para medirse ao Uneatlántico Pereda. Un partido complicado ante as terceiras clasificadas do grupo, ao que se sumará a falta de descanso. O equipo viaxará o sábado pola noite e disputará o partido o domingo ás 12.00 horas. Por outra banda, o Rodosa Chapela comeza a segunda volta na casa moi necesitado de puntos. As de Lupo son penúltimas con só dous puntos. Reciben ao Carballal, un dos equipos fortes da liga, o domingo ás 12:30 horas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: