Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

Juan Perro actúa no Multiúsos de Redondela
Cultura • 5/01/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Un ano máis a vila dos viadutos énchese de música no inverno co ciclo da Rede de Músicas Soltas. Este ano serán catro concertos: de xaneiro a abril. Catro meses nos que o Auditorio da Xunqueira de Redondela acollerá catro artistas galegos e de fóra de Galiza que virán presentar os seus novísimos traballos discográficos: Juan Perro, Primordiais, La banda morisca e Sonia Lebedynski. O ciclo arrancará o domingo 15 de xaneiro ás 20h coa actuación de Juan Perro, alter ego artístico de Santiago Auserón que presentará o seu novo disco "El viaje". As entradas para este concertó serán de 20€ na billeteira/15€ anticipada.


A Rede de Músicas Soltas arrinca o domingo 15 de xaneiro coa actuación de Juan Perro quen presenta o seu sétimo disco "El viaje" gravado co único acompañamento da súa guitarra acústica. Desde o tema que abre o disco, Los inadaptados, até o tema que o pecha e dá título ao álbum, a busca de equilibrio entre o risco poético e as formas da canción popular recorren un amplo abano de estilos. No novo repertorio de Juan Perro, a herdanza afro-norteamericana (o blues, o R&B, o rock, o soul, os estándares jazzísticos) intégrase de maneira cada vez máis natural coa tradición afrolatina -principalmente cubana- e coas músicas de Iberia. O verso en castelán evoluciona así nun ámbito renovado de sonoridades con fundamento e ideas atrevidas, con gañas de futuro. A escrita e a interpretación de Auserón empezan a achegarse á madurez, sen deixar atrás o descaro de experimentador adolescente.


O sábado 18 de febreiro seguen Primordiais, dúo de arpa, voz e percusión formado por Luis Martíns e Marcelo DoBode, dous primos que, desde Soutomaior nos traen as súas "musicas de OrTa". Eles veñen presentar o seu disco "Drogueria Moderna" e, ademais do concerto no Auditorio, farán tamén presentacións aos escolares da vila para que os máis novos coñezan de perto estas músicas tan próximas e, se cadra, tan descoñecidas para eles.


La banda morisca é o grupo que estará no mes de marzo, o domingo 5. Un proxecto que nace da experimentación, innovación e investigación nas tradicións andaluzas. La Banda Morisca está afincada en Cádiz, onde levan cinco anos e dous traballos discográficos. O que nos veñen presentar a Redondela é o último deles: "Algarabya".


E a artista que fecha as Músicas Soltas 2017 é Sonia Lebedynski, presentado disco o 8 de  abril "Deserto de centos", un disco de autora -forneado xunto co brasileiro Sérgio Tannus- que é resultado de todas as músicas das que foi bebendo ao longo súa traxectoria musical e vital: trad, folc, funk, pop, música brasileira...


Os concertos teñen un prezo de 7 € / 5 € reducida agás o de Juan Perro cuxas entradas venderanse a 20€ na billeteira e 15€ anticipada (10€reducida da que se benefician os mozos de até os 25 anos e persoas en situación de desemprego). As entradas pódense adquirir no Auditorio da Xunqueira 30 minutos antes de cada concerto e reservar no teléfono 986 40 28 65.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: