www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

O Nadal dos Nenos colga o cartel de completo
Sociedade • 2/01/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Nenos e nenas de entre 4 e 14 anos achéganse diariamente á Casa da Cultura de Redondela para gozar das actividades que en horario de tarde imparten neste espazo 6 monitores da empresa Koremi, contratada polo Concello para organizar estes obradoiros de Nadal que rematan o vindeiro mércores.


O obxectivo é facilitar a pais e nais que teñan un espazo no que deixar aos máis pequenos da casa durante un par de horas e contar así cun pouco de tempo libre para realizar as súas compras. E o certo é que a iniciativa está a ser todo un éxito.


Non é a primeira vez que se realiza, xa que este idea naceu anos atrás da Asociación de Empresarios para precisamente favorecer o movemento no comercio local. Con todo, nesta edición presenta importantes novidades, sendo a principal o seu cambio de ubicación. Ata o de agora viña desenvolvéndose nunha carpa instalada na praza da Casa da Torre. O espazo era máis vistoso pero tamén máis incómodo ao carecer de baño e sufrir as inclemencias meteorolóxicas. A coordinadora da actividade facía fincapé nesa idea "na casa da cultura os nenos están máis recollidos e non pasamos tanto frío".


Un cambio de ubicación que foi un hándicap nos primeiros días, xa que moitos pais descoñecían que se estaban a realizar estas actividades. Sen embargo, en cuestión de días os obradoiros comezaron a colgar o cartel de completo e agora son moitos os rapaces que quedan fora.


As actividades pendentes consistirán en dúas ginkanas, tanto hoxe como o mércores e unha xornada especial de convivencia para país e fillos que se desenvolverá este martes. Unhas actividades que completan ás xa realizadas, nas que houbo obradoiros de cociña, baile, manualidades e maquillaxe. Todas elas ademais centradas na idea de transmitirlle aos rapaces a necesidade de reciclar e coidar do medio ambiente.


Os participantes amosaban a súa satisfacción por achegarse a estes obradoiros e cada un manifestaba a súa preferencia por determinadas actividades realizadas. Uns nenos que saen contentos o que supón tamén que os seus pais regresen ao día seguinte.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: