Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

A oposición esixe a retirada de cascallos do Paseo do Maceiras e o PP asegura que xa se fixo
Política • 30/12/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O pleno abordou onte unha moción dos socialistas na que denuncian as deficiencias construtivas no último tramo do paseo do Maceiras no que segundo explican volvéronse empregar "refugallos de obras que conteñen restos de formigón e aglomerado, materiais que non son propios para a recuperación medioambiental dos ríos pola contaminación que producen no entorno". Por ese motivo reclamaban a retirada dese material. A proposta foi aprobada malia o voto en contra do PP quen asegura que "cando se detectaron as deficiencias abriuse un expediente sancionador á empresa que fixo a obra e se lle esixiu que retirara eses restos".


A senda peonil do río Maceiras que comeza no Salgueiral, nas inmediacións do Convento de Vilavella, e finaliza no lugar de Fortóns da parroquia de Cedeira, foi construída en tres fases: dúas delas financiadas pola Xunta de Galicia por importe de 119.868€ e outra pola Deputación de Pontevedra por valor de 58.172€.


Na presentación deste proxecto, o goberno local salientou que sería unha obra respectuosa coa biodiversidade polo que se empregarían materiais acordes para a súa integración no medio. Algo que segundo os socialistas non se cumpriu xa que "despois das inundacións de febreiro puxéronse ao descuberto as deficiencias construtivas de dita obra o atoparse a capa base formada por refugallos de obras que contiñan restos de formigón e aglomerado, materiais que non son propios para a recuperación medioambiental dos ríos. No pleno de onte denunciaban que malia este aviso a última fase do paseo estaba sendo cuberta de zahorra e continúa a ter refugallos como base polo que esixían que fora retirada.


A oposición apoiaba a proposta. Dende AER criticaban que se produzan estas situacións "que son consecuencia directa da falta de control que o goberno fai das obras que contrata" en palabras de Ricardo Figueroa.


O BNG acusaba aos populares de carecer de sensibilidade medioambiental "é unha dinámica do seu partido usar refugallos para recuperar sendas e camiños" aseguraba Xoán Carlos González en referencia ás actuacións que realiza o goberno local.


Críticas que o PP negou asegurando que "se abriu un expediente sancionador á empresa adxudicataria en canto se descubriu que usara material non axeitado e que non estaba no proxecto e a empresa xa procedeu a retirar os restos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: