Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

AER asegura que o atraso das axudas pon en perigo a programación das entidades culturais
Política • 27/12/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Agrupación de Electores entende que a convocatoria das subvencións que o Concello destina aos diferentes colectivos que organizan actividades culturais e eventos festivos debería realizarse a principios de ano "para que os programadores poidan saber os recursos cos que van contar". Esixen ao concello que se refagan as bases destas axudas de cara a atender as necesidades dos colectivos.


A Agrupación de Electores denuncia "o maltrato sufrido este ano por diferentes entidades, asociacións e centros socioculturais do concello no que respecta ao apoio da administración local ás actividades que desenvolven ao longo do ano". Explican que estas entidades quedaron sumidas na incerteza ao non saber, ata practicamente o mes de decembro, se ían ou non recibir algún tipo de apoio ou axuda en forma de subvención para poder sufragar e manter as actividades que programan ao longo do ano. Unha situación que se produce porque "as habituais axudas de participación cidadá, as axudas para festas, as axudas para festivais e as axudas para actividades culturais retrasáronse ata o mes de novembro na súa convocatoria, e a súa resolución non chegou ata avanzado o mes de decembro".


Engaden que isto "fai case imposible ás entidades e programadores planificar axeitadamente e cun mínimo de respaldo as súas actividades; e o que é peor, manter programacións e eventos a costa de comprometer a sustentabilidade económica da propia asociación e mesmo chegando a adquirir débedas para poder cubrir as contratacións e gastos das actividades habituais".


Do mesmo xeito, as contías concedidas para actividades culturais, festas e festivais descenderon a pesar de que as partidas consignadas para as axudas deste ano eran maiores que as do ano 2015. Un descenso que se entende pola deixadez á hora de convocar as axudas deste ano, polas modificacións das bases e total descoñecemento dos criterios, e pola incerteza das entidades ao non saber que liñas se ían a convocar e a que liñas de axuda específica tiñan que presentar os seus proxectos.


Mención especial fan dos diversos festivais que se realizan en Redondela. Dun total de once proxectos presentados, só concederon axuda a dous (2) festivais por un total de 1.850€, quedando de remanente uns 13.000€.


Así pois, AER esixe que as axudas se convoquen nos primeiros meses de ano para que os programadores poidan coñecer os recursos cos que van contar. Tamén que a Concellería de Cultura refaga inmediatamente as bases para festivais e se sente e conte coas entidades organizadoras deste tipo de eventos para poder informarse de primeira man das necesidades reais e o esforzo que lle supón a estes veciños programar eses festivais que tamén dan nome e fan dun referente ao noso concello.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: