www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Obradoiro de Cantos de Nadal con Uxía Senlle e Santi Cribeiro
Cultura • 27/12/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística municipal, achega ao auditorio da Xunqueira hoxe martes ás 18:30 h, un obradoiro de cantos de Nadal, destinado a público infantil. "Nadal de vila en vila" é o nome deste obradoiro de música de Nadal en galego, que pretende achegarlles aos participantes a tradición musical galega das festas do Nadal mediante a interpretación de panxoliñas, xaneiras, aninovos, cantares de reis ou aguinaldos. A entrada é de balde pero debe retirarse previamente no Multiúsos.


Da man de dous recoñecidos músicos, Uxía Senlle e Santi Cribeiro, as persoas asistentes participarán do obradoiro no que usarán diferentes instrumentos de percusión (botellas de anís, paus, cunchas...) cos que acompañarán as voces. A partir dun conto de Nadal, que guiará a introdución das distintas pezas, proxectaranse imaxes e letras dos cantos e entregaráselles aos participantes unha edición especial con letras de temas musicais tradicionais propios destas datas.


A duración da actividade, deseñada en exclusiva para o programa Nadal en Rede, é de 50 minutos, e vai dirixida a familias con nenas e nenos a partir dos 4 anos, que poderán ir acompañados dunha persoa adulta. A participación neste obradoiro é de balde, pero ten aforamento limitado, polo que cómpre retirar a entrada no propio multiúsos da Xunqueira o mesmo martes 27 de decembro en horario de mañá.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: