www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Xuño de 2018

Exposición de xoguetes antigos no Círculo Cultural deportivo de Cesantes
Cultura • 26/12/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Un centro cultural que se encherá de xoguetes antigos ata o vindeiro 8 de xaneiro grazas ao traballo de diferentes coleccionistas, entre eles Juanma Alfaya, quen ceden gustosos a esta mostra os xoguetes que conforman a súa colección particular. En total medio cento de pezas elaboradas de xeito artesanal, en madeira e latón principalmente, algunhas das cales teñen máis dun século de vida. A mostra pódese visitar en horario de tarde, de 17:00 ás 20:00 horas durante estas datas do Nadal.


A mostra, integrada por 50 xoguetes fabricados algúns deles na primeira década do século XX permanecerá aberta ata o vindeiro 8 de xaneiro nas instalacións do Círculo Cultural Deportivo de Cesantes. Unha iniciativa que quere así amosar os xoguetes de sempre a todos os veciños, aos que xogaron con eles na súa infancia pero tamén aos máis novos afeitos a xoguetes tecnolóxicos e máis modernos.


"Os xoguetes son representación da súa época" así o explica o coleccionista Juanma Alfaya, propietario de máis de 250 pezas quen salienta "o valor etnográfico dos xoguetes porque amosan unha realidade social". Uns xoguetes que coida con esmero "en estantes anti humidade porque en Galicia o clima é nefasto para os realizados en latón ou ferro".


Na exposición non estará a súa colección ao completo, pero si poderemos ver xoguetes de todo tipo, agás de carácter bélico "porque así nolo pediron os propios xoguetes" asegura Alfaya quen apunta como unha das pezas máis singulares unha máquina de vapor ou un colexio de monxas coas alumnas sentadas nos seus pupitres baixo a atenta mirada da mestra. A estas pezas hai que engadir avións ,tranvías, carros, barcos, trens... xoguetes que, independentemente do seu valor económico, teñen un valor sentimental importante.


Unha exposición para todos os públicos "por experiencias anteriores sabemos que atrae máis aos adultos pero tentamos tamén divertir aos pequenos poñendo a funcionar aqueles que teñen sistemas mecánicos. Incluso os nenos máis afeitos a tabletas ou consolas poden sentirse atraídos por un barco de vapor que se despraza na auga".


Uns xoguetes que naceron para seren usados e que saen agora das casas particulares dos seus propietarios para seren vistos nesta exposición en Cesantes.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: