www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 24 de Setembro de 2018

Concerto de As Maimiñas e obradoiro de Cantos de Nadal para público familiar no Multiúsos
Cultura • 20/12/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O servizo de Normalización Lingúística organiza dúas actividades dentro da programación de Nadal orientada a público infantil. A primeira proposta será un concerto a cargo do grupo As Maimiñas que se vai desenvolver o luns 26 ás 19:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. O martes 27 quenda para o obradoiro de Cantos de Nadal a cargo de Uxía Senlle e Santi Cribeiro. Unha actividade de balde pero que precisa de entrada que haberá que retirar no propio día na conserxería do Multiúsos.


"Unha viaxe polo mundo" é o título deste espectáculo en galego do grupo As Maimiñas, unha aventura musical dirixida, principalmente, a nenas e nenos de 0 a 10 anos e as súas familias, na que durante máis dunha hora, cantarán, bailarán e gozarán dun divertido espectáculo musical. Unha actividade organizada polo Servizo de Normalización Lingüística e enmarcada dentro da programación de Nadal.


Os temas incluídos neste traballo discográfico forman parte do libro-disco do mesmo nome publicado por Galaxia na colección Sonárbore. O espectáculo será o luns 26 de decembro, ás 19:00 h, no auditorio da Xunqueira, con entradas á venda dende o xoves 22 no propio espazo, cun prezo de 3 € para público infantil e 5 € para público adulto.


Xa o martes, a cantante Uxía e o acordeonista Santi Cribeiro desenvolven un obradoiro da Rede de Dinamización Lingüística orientado a familias con nenos de 4 e máis anos, ás que se lles pedirá que axuden a contar un conto musical de Nadal unindo as súas voces ás dos dous músicos e acompañándoas con instrumentos de percusión que lles serán entregados para a ocasión. Deste xeito, irán coñecendo panxoliñas, xaneiras, cantares de reis e aguinaldos que poderán repetir nas súas casas durante as festas, para celebraren en galego estas datas tan especiais.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: