Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

AER critica que o Concello non inclúa ás parroquias dentro da programación de Nadal
Política • 19/12/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Agrupación de Electores de Redondela critica "a falta de sensibilidade do goberno local cara ás parroquias" xa que malia que entidades culturais e veciñais levan anos reclamando un aumento de actividades organizadas dende o Concello nas parroquias "o constante receo do goberno local a descentralizar a programación fóra do que é a vila de Redondela e Chapela, fará que durante este Nadal o Concello se esqueza completamente das parroquias na súa programación socio-cultural" segundo denuncia a formación política.


Explican dende AER que na programación oficial constátase que a totalidade das actividades oficiais organizadas polo Concello de Redondela centralizaranse na Vila (Casa da Cultura, Multiusos da Xunqueira, Alameda e rúas de Redondela) e en Chapela (no local da asociación Agarimo e no Multiusos do Piñeiral do Crego) deixando de lado ás parroquias, non quedándolle outra á veciñanza destas que seguir achegándose á cultura e ao lecer de Nadal nos seus barrios e lugares unicamente a través das programacións propias dos centros culturais, asociacións de veciños e diferentes colectivos e entidades culturais que desenvolven a súa actividade nas parroquias.


Engaden que en contraste con outros concellos próximos, como o de Mos ou O Porriño onde si que o Concello programa actividades en diferentes centros sociais das parroquias, o goberno local de Redondela "diferenciará entre veciñanza de primeira e de segunda". De primeira, aquela que terá unha oferta socio-cultural de Nadal ás portas da súa casa, practicamente gratuíta e sen esforzos organizativos, e de segunda, a das parroquias, que terán que financiarse os eventos que programen e esforzarse xestionando eventos culturais "como ben poidan durante o seus tempos libres para que os maiores e as cativas, os seus veciños, poidan sentir o Nadal no seu entorno residencial habitual".


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: