Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

O deporte redondelán despide o ano cunha cita festiva e solidaria coa I Carreira Popular de Nadal
Deporte • 19/12/2016
Autor: Ana Prieto

O vindeiro día 24 de decembro, ás 17:00 horas, terá lugar a I Carreira Popular de Nadal Redondela Solidaria, cun percorrido urbano de 4 quilómetros. Esta proba está aberta a público de todas as idades, e ten carácter festivo e popular. Co gallo da cita organízase unha recollida de xoguetes novos, co obxectivo de que todos os rapaces de Redondela poidan xogar este Nadal.


O concelleiro de Deportes, Julio Mougán, salientou que este 2016 ten sido "moi positivo" a nivel deportivo en Redondela, polo que desde o Concello propoñen esta carreira como "un gran peche de ano". Agradeceu a colaboración do club de atletismo CAR de Redondela na organización da proba, e agarda que todas as entidades deportivas das diferentes disciplinas do municipio participen. Non haberá clasificación nin cronometraxe, e as prazas están limitadas a 250 participantes. A inscrición é de balde e xa está aberta, a través de www.redondela.gal, presencialmente no departamento de deportes do Concello, e na zapatería Susuela. Desde CAR animan a todo o mundo a participar nesta cita deportiva e festiva, para que todos os clubs "despidan xuntos o ano", como explica Paco Otero, o seu presidente. O circuito será urbano, con saída e meta diante do Concello, e chegará desde a zona da explanada de Seragua ata a praza da Farola, con dúas voltas "ata completar un percorrido duns catro quilómetros" como explica Jose Manuel Quinteiro, da directiva de CAR. A retirada de dorsais será unicamente na tarde da proba, nos soportais do Concello de Redondela, dende as 15:30 ata as 16:30 horas. A proba finalizará ás 17:50 horas. Habilitarase, para quen así o desexe, unha recollida de xoguetes novos para que toda a rapazada redondelá poida xogar este Nadal. As persoas participantes contarán cun seguro individual de accidentes deportivos. Ao remate da proba haberá chocolate quente para todos os participantes.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: