www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Dura despedida de ano para o balonmán local, cunha única vitoria da SAR Plastic Omnium
Deporte • 19/12/2016
Autor: Ana Prieto

Os de Carlos Rey pecharon o ano cun importante triunfo ante o Octavio, mentres que o Rodosa Chapela perdía ante o Porriño. Na Honra Prata Feminina a SAR Rodavigo recibiu unha goleada en Xixón e o Rodosa Chapela perdeu na casa ante as canarias do Morro Jable.


Primeira Nacional


Rodosa Chapela 23-24 Porriño


Adrián Boullosa evitou o empate do Chapela, ao deter o último lanzamento a Alex Tsybanev para certificar a vitoria visitante. Duro revés para os de Fran Teixeira, que remata o ano na cuarta posición. Logo do descanso de Nadal xogarán na pista da Cañiza, 8º do grupo.


SAR Plastic Omnium 34-16 Octavio


Importante vitoria da SAR Plastic Omnium para pechar o ano ante o Academia Octavio. Cun 17-7 ao descanso os redondeláns deixaron perfectamente claro que o partido era deles. Os de Carlos Rey impuxéronse con velocidade ao seu rival. Agora son 10º, e á volta das vacacións xogarán na pista do At. Novás, na 5ª praza.


Honra Prata Feminino



Xixón 34-18 SAR Rodavigo


A SAR Rodavigo non tivo ningunha posibilidade ante o Balonmán Xixón, segundo clasificado e que esmagou ás redondelás (34-18). Os catro goles de Nerea Bouzón e os tres de Sara González e María Pexegueiro foron as mellores noticias para as de "Chini", que ao descanso xa perdían por sete goles (16-9). Con este resultado colócanse no quinto posto da clasificación con 15 puntos, a tres do seu rival da pasada fin de semana e do Ansa Oviedo, líder do grupo. Á volta do descanso de Nadal terán outro duro rival, xogan na pista do Pereda, terceiro.


Rodosa Chapela 18-22 Morro Jable


O Rodosa Chapela continúa sen levantar cabeza e o pasado sábado perdeu na súa pista ante o Morro Jable Illa de Forteventura (18-22), un resultado que deixa ás de "Lupo" no penúltimo posto da clasificación con só 2 puntos. E logo do descanso de Nadal recibirán a un dos equipos fortes, o Carballal, cuarto do grupo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: