www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

O Choco remata o ano fóra dos postos de perigo
Deporte • 19/12/2016
Autor: Ana Prieto

Un empata sen goles no Barco permite aos de Marcos Montes comer o turrón algo máis tranquilos. Un punto importante para manterse fóra dos postos de perigo, e afrontar o próximo 2017 co obxectivo da permanencia como prioridade.


Terceira División


Barco 0-0 Choco


Remata o ano 2016 con tranqulidade para os redondeláns, cun partido que na primeira parte foi máis do Barco. O Choco, moi ordenado atrás, trataba de saír á contra para adiantarse no marcador, pero non tivo ocasións claras para bater a portaría de Vicente. Na segunda metade, con pouca frescura en ambos os conxuntos,o xogo foi máis trabado. O cadro ourensán levaba o peso do partido e tivo unha excelente oportunidade no minuto 51, nun centro de Cristóbal e remate de David Álvarez, que acabou no traveseiro. Pouco despois, Javi Recamán disparou por fóra. O Choco seguía xogando un bo partido en defensa, e trataba de adiantarse no marcador á contra con disparos de Óscar Pérez e Marquitos, que tampouco tiveron perigo de cara á portaría do Barco. Nos minutos finais o Choco tratou de adiantar un pouco a liña ofensiva para poder facer algo de dano na defensa ourensá, pero tampouco lles saiu. Ao final satisfacción polo punto conseguido polo Choco que é moi importante para manter a calma neste descanso de Nadal. Volven á competición o 8 de xaneiro, no campo do Arousa, quinto clasificado.


Segunda Autonómica



Choco B 4-1 Caldelas


O filial do Choco impuxo o seu xogo e acabou goleando ao Caldelas, malia que na primeira metade a boa defensa dos visitantes púxolles difícil atopar ocos. Chegaron ao descanso con empate 1-1, pero no segundo tempo o Choco foi superior e anotou outros tres goles que sentenciarían o partido. Os redondeláns son terceiros do grupo, empatados co segundo, o Vilariño. En xaneiro retoman a competición no campo do Xinzo.


Arcade 1-3 Bamio


O Arcade segue perdendo posicións logo da derrota na casa ante o Bamio. Despiden o ano na 12ª praza, e retomarán a competición recibindo ao Zacande, que é 4º.


Terceira Autonómica



Chapela 1-0 Peña Beretes


Derbi máis igualado do que cabía esperar, e no que o Chapela se impuxo cun único gol de Aaron. O Peña Beretes tentou a igualada na segunda parte, pero sen sorte. Chegan ao descanso de Nadal en situación moi diferente, o Chapela na segunda praza e o Peña Beretes como pechacancelas. Regresarán á competición en xaneiro. O Peña Beretes no campo do Alcabre, penúltimo, mentres que o Chapela xoga outro derbi local, recibe ao At. Vilar.


Balaídos 0-1 At. Vilar


A vitoria pola mínima no campo do Balaídos non é suficiente para sacar aos de Vilar da parte baixa da táboa.


Salcedo 4-0 Cesantes


Nada puido facer o Cesantes ante un Salcedo que continúa imparable. Os redondeláns aguantaron a igualada ata o descanso, pero os pontevedreses impuxéronse na segunda parte con goles de Michi, rolo, Castesana e Troiki. O Cesantes é agora 4º. Ao regreso do descanso de Nadal reciben ao Pontecaldelas, 2º na táboa.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: