www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Os veciños demandan máis vixilancia para evitar os actos vandálicos en Redondela
Sociedade • 16/12/2016
Autor: Ana Prieto

Os últimos ataques ao patrimonio público, como as pintadas nos parques infantís ou o estrago das pasarelas de Monte Penide é "intolerable", segundo os veciños de Redondela. Advirten que a falta de vixilancia policial facilita que estes actos vandálicos queden impunes, e lamentan a falta de educación e civismo de mozos "e non tan mozos".


O da pasada semana non foi o primeiro acto vandálico que se produce no parque infantil do Campo da Feira, pero si o máis grave, xa que afectou á toda a zona da caseta e a diferentes xogos. Usuarios como Eva, que frecuenta o parque coa súa nena, lamenta esta situación. Entende que falta vixilancia policial "para evitar estas desfeitas", que non deberían quedar impunes. Tamén Francisco acude ao parque regularmente coa súa neta, e denuncia que sempre hai quen deixa lixo e non respecta o mobiliario público que se paga "cos cartos de todos". No que coinciden a maioría dos veciños, é en que faltan medios para controlar as zonas públicas de todo o municipio. Maribel sinala que unha única patrulla da policía local en horario nocturno "non é suficiente" para cubrir todo o municipio, polo que sería necesario dispoñer de máis axentes. Pero a falta de vixilancia policial non é o único problema que apuntan os redondeláns. A falta de "educación e de respecto" é outra das eivas. Silvia entende que "algo falla" nas familias cando os rapaces cometen actos vandálicos deste tipo, lamenta que ás novas xeracións "non se lle poñen límites na casa". No caso de Monte Penide, as pasarelas sufriron un terceiro ataque esta semana. O valado de Chan da Cruz apareceu serrado. Todo apunta a que o autor sería o mesmo veciño que xa fora identificado como autor dos danos no mesmo lugar o pasado día 5 logo de que parte dos taboleiros de madeira roubados nesa ocasión foran localizados nun galpón. Ramón cualifica os feitos de "vergoñentos" e entende que se a investigación determina que é culpable "debe pagalo". Son casos distintos de vandalismo, e segundo Marta, o perfil dos vándalos é tamén diferente. Se no caso das pintadas dos parques ten claro que se trata de "rapaces novos", en desperfectos como os de Monte Penide ou o banco do Campo da Rata, en Cedeira, pensa que se trata de persoas adultas. Sospeita que detrás hai "enfrontamentos veciñais" ou "envexas" entre Comunidades de Montes.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Eva: falta vixilancia
Eva frecuenta o parque coa súa filla. Denuncia que sempre hai pintadas e lixo.
Francisco: non hai civismo
Este veciño lamenta a falta de control por parte do Concello nos espazos públicos.
Maribel: necesítase máis policía
Maribel entende que faltan efectivos na policía local. Unha única patrulla pola noite non é suficiente.
Silvia: a educación falla
Para esta veciña está a fallar a base da educación nas familias.
Ramón: o de Monte Penide é vergoñento
Ramón entende que o culpable da desfeita na pasarela de Monte Penide debe facerse cargo dos danos.
Marta: son tipos de vandalismo diferente
Marta entende que as pintadas feitas polos mozos son cuestións diferentes ás desfeitas en Monte Penide ou Cedeira.