Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

O PP atopa no BNG o apoio necesario para aprobar o convenio de xestión do Centro de Día
Política • 2/12/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O edil nacionalista, malia manifestar as súas críticas a un convenio que "non é beneficioso para Redondela" deulle o seu apoio "por responsabilidade ante a necesidade de abrir o servizo canto antes". PSOE e AER votaron en contra por estar en desacordo coa achega de 2.500 euros que o concello deberá facer por cada usuario empadroado en Redondela "cando é a Xunta quen debe sufragar este servizo". Os socialistas acusan ao PP de mentir "nos prazos, no servizo e na creación de postos de traballo".


O Centro de Día de Cesantes abrirá as súas portas catro anos despois da súa construción logo de que o pleno aprobase onte o convenio co Consorcio Galego de Benestar para xestionar este servizo asistencial. O voto a favor do edil do BNG permitiu ao PP sacar adiante a proposta malia os votos en contra de PSOE, AER e a edil non adscrita Raquel Quintáns.


O nacionalista Xoán Carlos González xustificou o seu voto a favor "porque entendemos prioritario que o Centro de día se poña en funcionamento" malia criticar un convenio que ao seu entender "presenta moitas eivas, tanto polos cartos que terá que achegar o Concello como, sobre todo, porque non dá o servizo que se prevía ao eliminar as prazas residenciais". O edil acusaba ao alcalde de actitude "sumisa e colaboracionista" coa Xunta por non ter xestionado melloras no convenio.


Todo os grupos da oposición criticaron que as arcas municipais teñan que abonar 2.500 euros por usuario empadroado en Redondela, canto o custe dos usuarios procedentes doutros concellos será asumido integramente pola Xunta. O voceiro de AER, Ricardo Figueroa, insistía en que "é a Xunta quen ten que financiar o Centro de día na súa totalidade".


Unha demanda que facían tamén dende a bancada socialista. A edil Digna Rivas insistía en que "o PSOE quere que se abra este servizo, pero non así" e acusaba os populares de "mentir continuamente: nos prazos porque levan anos prometendo que se vai abrir e xa pasaron catro anos, nos postos de traballo que se van cubrir integramente por Cogami sen ningunha contratación en Redondela e no propio servizo, que non vai contar con prazas residenciais limitándose a tan só 20 usuarios en horario diurno".


Ante as críticas a voceira do PP, Carmen Amoedo, reiteraba que o convenio responde a un acordo marco aprobado pola Federación galega de Municipios e provincial (FEGAMP) que foi apoiado por PSOE, BNG e As Mareas.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: