www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Soutomaior demanda ao Sergas un novo médico de familia para o municipio
Política • 30/11/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O pleno de Soutomaior aprobou por unanimidade unha moción presentada polos nacionalistas na que se demandan diferentes medidas de mellora da sanidade pública no concello. Destacan entre as melloras reclamadas a necesidade dun novo médico para o municipio ao teren os facultativos existentes un número de pacientes que supera con moito os 1.200 recomendados. Explica o edil Manu Lourenzo que "en Soutomaior os cupos están entre os 1.550 e os 1.750 pacientes por cada médico".


Outras demandas tamén recollidas na moción pasan por reclamar que a Xunta cubra as substitucións de médicos e pediatras ou que o concello devolva as prazas de aparcamento ao persoal sanitario para que estes poidan atender as urxencias con rapidez.


Con todo a reclamación principal é a necesidade de dotar cun novo médico o municipio ante a saturación de pacientes que padecen os médicos.


Dende o BNG criticaron que o goberno local do PP leve anos mirando para outro lado mentres as veciñas e veciños están a padecer esta situación. Así mesmo o voceiro do BNG indicou que "Esta moción é un primeiro paso para poñer fin a esta inxustiza. Un primeiro paso necesario pero non suficiente. Agardamos que esta situación se solucione canto antes por esta vía porque non podemos permitir de ningunha maneira que se xogue coa sanidade da nosa veciñanza".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: