Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

O Instituto de Chapela esixe a instalación de barreiras sonoras
Sociedade • 29/11/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O claustro do IES-Chapela nunha xuntanza extraordinaria acordou por unanimidade expresar o seu rexeitamento ás obras que realiza AUDASA para a ampliación da AP-9 a seu paso polo barrio de Igrexa. Unhas obras que afectan aos terreos e as instalacións do centro educativo ao incrementar o ruído que deben soportar nas aulas e por estar previsto que se invada unha parte dos terreos do instituto para ampliar as beirarrúas do Camiño do Torreiro e crear prazas de aparcamento.


O claustro de profesores remitiu un escrito ao xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares no que manifestan o seu rexeitamento a cesión de terreos para ampliar as beirarrúas do Camiño do Torreiro e habilitar catro prazas de aparcamento. Explican que esta actuación "invade unha parte considerable dos terreos onde está ubicada a vivenda do conserxe, afecta tamén de cheo ao depósito subterráneo de gasóleo que abastece ao instituto e á boca de entrada de combustible situada no propio Camiño do Torreiro".


Por outra banda, e tal como xa fixeron en numerosas ocasións, volven reclamar que se instalen barreiras sonoras que amortezan os ruídos dos coches que circulan preto das fiestras do edificio e esixen "que AUDASA se comprometa por escrito a incluír no seu proxecto de ampliación da AP-9, a instalación de barreiras de son a seu paso polo IES Chapela".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: