www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 15 de Outubro de 2018

A experiencia de practicar mushing tamén en Redondela
Deporte • 23/11/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O mushing é unha modalidade deportiva procedente dos países nórdicos na que o can está unido cun arnés e unhas cordas ao corredor. Unha disciplina que chegou non hai moito a España e que ten en Galicia numerosos seguidores que fan da nosa comunidade toda unha potencia. Co obxecto de dar a coñecer este deporte o Club Canicross de Vigo en colaboración coa Concellería de deportes organiza esta fin de semana dúas actividades no noso concello, o sábado unha exhibición na Alameda e partir das 11:30 e o domingo unha proba en Chan das Pipas en Saxamonde na que se esperan máis de 40 participantes.


Os afeccionados a este deporte defíneno como unha simbiose entre o can e humano que permite gozar da natureza compartindo a paixón por correr dos dous integrantes do equipo. Para practicalos non é preciso contar cun can dunha raza específica, tan só é preciso contar cun animal que resista correndo varios quilómetros e que adoitan ser exemplares de 20 ou 30 kilos.


Na mañá do sábado os integrantes do Club organizador realizarán unha exhibición para dar a coñecer este deporte e permitirase aos asistentes probar da experiencia.


Xa o domingo a partir das 10 celebrarase na contorna do Chan das Pipas a competición con saída e chegada no campo de fútbol de Saxamonde. Haberá probas nas tres modalidades de patín, bikejoring e canicross cun percorrido de 4,5 quilómetros.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: