www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 17 de Xullo de 2018

As obras de humanización na Avenida de Vigo eliminarán prazas de aparcamento
Política • 21/11/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O PSOE denuncia que a actuación que se vai desenvolver no tramo desta estrada que cruza Chapela vai supoñer unha diminución no número de aparcadoiros, "aproximadamente 75 prazas menos nun tramo dun kilómetro". Por este motivo presentarán no próximo pleno unha batería de medidas entre as que inclúen a creación de prazas en batería ou a negociación de terreos que permitan a creación de novos aparcamentos.


A Avenida de Vigo, en Chapela, vai ser humanizada entre a rúa Estación e a rúa San Telmo, a través dun proxecto da Xunta de Galicia. As actuacións deste proxecto contemplan a ampliación de beirarrúas, a ordenación dos xiros na rúa San Telmo e na rúa José Fernández López (onde se colocarán glorietas e isletas) e ademais a eliminación de prazas de aparcadoiro.


Segundo os cálculos feitos polo PSdeG-Redondela, en base ao proxecto presentado no Concello de Redondela, vanse perder aproximadamente 75 prazas de aparcadoiros nun tramo dun kilómetro, das cales 25 perderanse na zona da alameda de Chapela.


Os socialistas entenden que a perda de aparcadoiro na zona vai ser moi prexudicial para os veciños e usuarios "que levan anos demandando o aumento de prazas de aparcadoiro" motivo polo que levan a pleno medidas para aumentar o aparcadoiro, como a creación de prazas en batería ou a negociación de terreos que permitan a creación de novos puntos de aparcadoiro.


Os socialistas pedirán a  maiores medidas para a diminución do tráfico pesado a través da Avenida de Vigo, outra demanda veciñal dende hai anos e que xa propiciou medidas no pasado.


Finalmente, o edil socialista critica que "o Goberno Municipal do PP acepte este proxecto sen informar e ocultando información á veciñanza, sabendo as repercusións que vai traer para a veciñanza e aos comercios da zona" e engade "este proxecto débese aproveitar para dar solucións as demandas veciñais e debería expoñerse para que todos os veciños e veciñas saiban o que se vai facer, podendo aportar melloras ao proxecto".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: