www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 30 de Maio de 2020

Redondela dispón dun servizo gratuíto de bicicletas en préstamo
Institucional • 14/07/2009
Autor: M. X. Queimaliños

En cinco puntos do municipio os usuarios que se dean de alta previamente no Concello poderán acceder a estes vehículos de xeito gratuíto. A iniciativa, posta en marcha pola Concellería de medio Ambiente, está subvencionada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e conta cun orzamento de 140.000 euros




Redondela dispón xa dun servizo gratuíto de bicicletas. O funcionamento require por parte do usuario que previamente se dea de alta nas dependencias municipais. Unha vez feitas as xestións no departamento de Medio Ambiente asignaráselle unha clave que lle permitirá retirar un vehículo de calquera dos cinco puntos nos que se atopan estacionadas as bicicletas: o Multiusos da Xunqueira. ao carón da piscina municipal na Avenida Mendiño en Redondela, na praia de Cesantes e tamén en Chapela na Alameda e na praia de Arealonga. Cinco puntos nos que o usuario poderá retirar e estacionar os vehículos en préstamo indistintamente.


En total, segundo explicación do Concelleiro de Medio Ambiente, Carlos Pazos, o proxecto conta con 70 bicicletas en servizo a disposición dos usuarios e persegue fomentar o uso “dun medio de trasporte saudable e non contaminante”.


O proxecto conta cun orzamento de 140.000 euros financiado polo INEGA, organismo que aporta asemade asesoramento técnico ao concello para a contratación dos diferentes sistemas necesarios para o bo funcionamento do servizo. O Instituto enerxético de Galicia fai fincapé na necesidade de promover o uso de medios de trasporte non contaminantes “e especialmente axeitados para percorridos de entre 2 e 4 kilómetros” como é a bicicleta.


Unha maneira de facer exercicio, fuxir dos atascos e evitar problemas de estacionamento que está a ter un gran éxito noutras localidades onde xa está en marcha como Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago ou Lugo.


Carril bici
O concelleiro de turismo, Eduardo Reguera, destacou tamén os beneficios do proxecto e adiantou a posibilidade de habilitar un carril bici para comunicar a Avenida Mendiño co futuro paseo peonal que se vai facer na praia de Cesantes”

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: