www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 24 de Setembro de 2018

O Choco supera a primeira final
Deporte • 21/11/2016
Autor: Ana Prieto

Ante As Pontes e cun solitario gol de penalti os de Marcos Montes fixéronse onte co partido en Santa Mariña. Os redondeláns rachan así cunha xeira negativa de sete partidos sen gañar, e superan a un dos seus rivais directos. O domingo xoga ante o Dubra, co que está empatado a puntos na pelexa pola permanencia.


Terceira División


Choco 1-0 As Pontes


Un único gol de penalti que deixa sensación de alivio en Santa Mariña. O Choco non sumaba unha vitoria desde o pasado 24 de setembro cando derrotou ao Cerceda no seu terreo de xogo. Unha serie negativa prolongada, de sete partidos, que rompeu onte grazas a un tanto de penalti de Rober nun partido no que, probablemente, non fixo o seu mellor xogo, malia que rematou con vitoria. Na primeira metade puxo a posesión o equipo local e o perigo xerouno As Pontes. O descanso sentou ben ao Choco porque saíu máis enchufado ao terreo de xogo. Óscar Pérez dispuxo dun man a man que desperdiciou na primeira chegada. A continuación, o dianteiro superou ao seu defensor dentro da área e Borja López agarrouno. O colexiado sinalou o punto de penalti e mostrou unha cartolina vermella. Robe anotou a pena máxima e o Choco volveu gañar. Un alivio para os redondeláns, que a próxima xornada se desprazan ao Municipal de Bembibre para xogar co Dubra.


Choco: Cortegoso, Gonzalo, Yago Vázquez, Lucas, Gándara, Alberto Suárez, Rober, Gabi Misa (Moli, min. 78) Félix, Marcos Pérez (Juan Feijóo, min. 60), Óscar Pérez (Silva, min. 67).


As Pontes: Francisco, Jaime Leira (Marcote, min. 76), David Buyo, Callón, Edgar Alvariño, Borja López, Pablo Ramos, Rubio, David González (Rei, min. 86), Samuel Rodríguez (Gallardo, min. 61), Ndiaye.


Gol: 1-0, min. 53: Rober, de penalti.


Segunda Autonómica



Salvaterra 2-3 Choco B


Partido moi igualado que se decantou a favor do filial do Choco. O Salvaterra púxose por diante, pero o Choco deulle a volta ao marcador antes do descanso, ao que chegou co 1-3. Nos minutos finais o Salvaterra recortou distancias, pero non foi quen de conseguir a igualada. O Choco B, que agora ocupa a cuarta praza, recibe o domingo ao Nigrán. O rival é terceiro do grupo e supera en dous puntos ao Choco na pelexa polos postos de cabeza.


Deiro 1-0 Arcade


O Arcade non foi quen de superar ao pechacancelas do grupo, o Deiro, que gañaba onte o seu primeiro partido da temporada. Poucas ocasións para os dous equipos nun encontro que se decidiu por un solitario gol. A próxima xornada o Arcade recibe á Lama, equipo empatado cos de Soutomaior no ecuador da táboa.


Terceira Autonómica



Chapela 2-1 Alcabre


Dous goles de Rafa, un en cada parte, foron suficientes para deixar puntos en Chapela, que se mantén a tres do líder. O Arenas Alcabre tivo ocasión para empatar nos últimos minutos do partido, cando o árbitro expulsou a Santi Fábregas polos locais, pero faltoulles acerto. O Chapela, que é 3º, xogará o domingo en Vigo no campo do Pereiró, da metade alta da táboa.


Vincios 3-1 Peña Beretes


O Peña Beretes segue sen mellorar os seus resultados, e a derrota mantenos na parte baixa da táboa. O domingo reciben ao Casablanca, moi necesitado tamén de puntos, un posto por baixo dos de Chapela.


Coia 4-0 At. Vilar


Os vigueses foron moi superiores. O Vilar aguantou ata o descanso, pero despois o cansazo e as súas expulsións sufridas prexudicaron aos redondeláns, que caen aos postos baixos da táboa. O domingo terán un rival tamén complicado, reciben ao Vincios.


Cesantes 2-1 Santomé


Un gol de Canario adiantou aos redondeláns, pero o Santomé empatou antes do descanso. Xa na segunda metade Santi, cun gol de penalti, puxo o 2-1 no marcador que sería xa definitivo. Unha vitoria que serve ao Cesantes para manterse no liderado xunto ao Salcedo, e avantaxar nun punto ao terceiro, o Cerponzóns, que será o seu próximo rival.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: