www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

O Concello terá que pagar 2.500€ anuais por cada usuario do Centro de día de Cesantes
Política • 18/11/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A posta en marcha deste centro asistencial, pechado dende o remate da súa construción hai xa máis de catro anos, pasa pola sinatura dun convenio entre o Concello e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este documento establece que o edificio só tería servizo diurno, como centro de día e non residencial, e que o concello tería que pagar 2.500€ ao ano por cada persoa empadroada na nosa vila que fixera uso do servizo. A oposición critica o convenio que os nacionalistas cualifican de "humillante" mentres dende o PSOE acusan aos populares de enganar á cidadanía cando aseguraban que sería un centro residencial.


O convenio que Concello e Consorcio de Benestar deben asinar para a posta en marcha do Centro de Día de Cesantes provocou as críticas da oposición, tanto no referente ao custe que lle vai supoñer para Redondela (2.500 euros anuais por usuario) como polo uso final ao que vai ser destinado, xa que non terá carácter residencial senón que tan só terá servizo diurno "malia o gasto que se fixo coas camas que contén o segundo andar do edificio porque nun principio estaba previsto que parte dos usuarios pernoctaran no centro".


Así o explican os socialistas que engaden que "agora mesmo o convenio que o PP pretende que o Concello asine co Consorcio establece que o concello tería que pagar 2.500€ ao ano por cada persoa empadroada na nosa vila que fixera uso do servizo. Pola contra, o convenio non lle vai esixir achegas económicas a outros municipios que teñan usuarios no centro de día do noso concello. A todo isto, engádese que o propio documento non aclara a categoría do propio centro, se será para persoas: maiores, menores de 65 anos ou de atención especializada".


Critican tamén que se estableza como sistema de comedor o catering "a pesar de que o edificio contén unha cociña equipada e ampla e que o sistema de catering non está funcionando nada ben".


Dende o BNG cualifican o convenio de "humillante" para os redondeláns "O Consorcio vai cobrar anualmente 2.500 euros por usuario, polo que dependendo dos veciños de Redondela que fagan uso destas instalación o cargo ao concello "podería chegar ata os 100.000 euros anuais".  


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: