www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Aprender a programar xogando
Sociedade • 16/11/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Soutomaior pon en marcha o programa educativo "En clave tecnolóxica: aprende xogando" coa finalidade de fomentar un uso responsable do xogo a través da rede e de xeito educativo. Orientado a nenos de 4 a 7 anos as sesións desenvolveranse os xoves 17 e 24 de novembro e o 1 de decembro. Son independentes e para participar cómpre inscrición previa na OMIX de Soutomaior, no multiúsos de Arcade. Tamén este servizo ten aberto xa o prazo de inscrición para participar nun laboratorio tecnolóxico que se vai realizar nas vacacións de Nadal.


A Concellería de ensino de Soutomaior ten en marcha diferentes actividades que buscan fomentar a arte, a ciencia e a tecnoloxía entre nenos e mozos. Así, este mesmo xoves arranca o programa "En clave tecnolóxica" que busca potenciar as habilidades creativas e de resolución de problemas mediante tres sesións onde os nenos e nenas de 4 a 7 anos poderán achegarse a tres xogos que lles permitirán practicar contidos de lóxica, matemáticas, xeografía, literatura e  construción en 3D. Un monitor guiará o xogos para que poidan sacarlle o máximo partido e logo seguir xogando nas súas casas. As familias poden acompañar durante as sesións ós pequenos e, así, compartir o xogo para activamente participar na súa formación.


Estes obradoiros realizaranse o xoves 17, 24 de novembro e o xoves 1 de decembro no Multiusos. Haberá que anotarse previamente na OMIX.


Os interesados poden tamén inscribirse no Laboratorio tecnolóxico que se vai desenvolver os días 26 e 27 de decembro e o 2 e 3 de xaneiro. Orientado a nenos de 4 a 17 anos, os participantes realizarán experimentos científicos, cociña robótica, xogos, saídas artísticas traballarán co modelado en 3D e a programación con CODE. O prezo para participar deste laboratorio é de 5 euros os empadroados en Soutomaior, 15 euros o resto. A inscrición está aberta ata o 20 de decembro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: