Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

O PSOE urxe a retirada de cascallos e material contaminante no Paseo do Maceiras
Política • 14/11/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Os socialistas xa denunciaran o pasado mes de febreiro as deficiencias construtivas na obra que quedaran a vista a raíz das inundacións que se produciron nesas datas. Por mor do arrastre da auga comprobaron que nos últimos tramos do paseo empregáranse "refugallos de obras que conteñen restos de formigón e aglomerado, materiais que non son propios para a recuperación medioambiental dos ríos pola contaminación que producen no entorno". Por ese motivo reclamaran a retirada dese material. Agora denuncian que "o PP fai caso omiso desa petición e volven demandar a retirada dos refugallos que se utilizaron de forma indebida para a construción do Paseo do Maceiras".


A senda peonil do río Maceiras que comeza no Salgueiral, nas inmediacións do Convento de Vilavella, e finaliza no lugar de Fortóns da parroquia de Cedeira, foi construída en tres fases: dúas delas financiadas pola Xunta de Galicia por importe de 119.868€ e outra pola Deputación de Pontevedra por valor de 58.172€.


Na presentación deste proxecto, o goberno local salientou que sería unha obra respectuosa coa biodiversidade polo que se empregarían materiais acordes para a súa integración no medio. Algo que segundo os socialistas non se cumpriu xa que "despois das inundacións que asolagaron o val do Maceiras e parte do casco urbano, onde se produciron cuantiosos danos materiais, puxéronse ao descuberto as deficiencias construtivas de dita obra xa que a capa base que debería estar compactada, atopábase formada por refugallos de obras que contiñan restos de formigón e aglomerado, materiais que non son propios para a recuperación medioambiental dos ríos pola contaminación que producen no entorno".


Despois de meses tras a denuncia dos socialistas, o PP aseguraba que recuperaría o Paseo Maceiras cos materiais adecuados e un firme máis resistente ás riadas xa que a zahorra empregada non resistiu e a base do firme estaba feito con refugallos doutras obras pese a cuantioso prezo da obra. Pero na actualidade, a última fase do paseo está sendo cuberta de zahorra e continúa a ter refugallos como base.


Os socialistas afirman "o PP de Redondela non retirou como prometeu os refugallos. Non fixo nin as esixencias, nin as xestións para a recuperación do paseo peonil con materiais que non alteren a biodiversidade" e conclúen afirmando que se trata dunha "irresponsabilidade tanto de Augas de Galicia como do goberno".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: