Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Sorpresa en Redondela pola vitoria de Trump
Sociedade • 11/11/2016
Autor: Ana Prieto

Mistura de incredulidade e decepción, así se pode definir o estado de ánimo de moitos redondeláns ante a vitoria electoral de Donald Trump nos Estados Unidos. Moi poucos pensaban que o magnate republicano puidese facerse coa presidencia logo das súas declaracións misóxinas e racistas durante a campaña. E malia que Hillary Clinton o adiantou en votos populares, el obtivo a vitoria ao gañar en 30 dos 50 estados.


Un resultado que ten á comunidade internacional entre a sorpresa, o desencanto e o temor. En Redondala, veciños como Maribel aínda non se explican os motivos que levaron a Trump á presidencia da primeira potencia mundial, e conclúe que só a "ignorancia" dos estadounidenses o puido facer posible. Carlos tampouco logra entender como as minorías étnicas e a poboación feminina puideron "aceptar" as propostas de Trump. Tamén Mar se amosaba decepcionada co resultado, e lamentaba que unha vez máis sexan "os cartos os que mandan". Pero para outros veciños a vitoria de Trump non foi tan inesperada. Jaime advirte que as enquisas xa predecían uns resultados "moi axustados", e que calquera dos dous candidatos se podía ter feito coa presidencia. Para Xabier a situación é froito da "campaña do medo" lanzada polo candidato republicano, e fai un paralelismo entre Trump e Aznar, aos que non ve "tan diferentes". Agora confían en que o presidente electo "suavice" o seu discurso, e non cumpra con todas promesas electorais feitas na campaña. De feito, o discurso de Trump unha vez que se proclamou vencedor foi máis "moderado e aberto ao diálogo" que nas semanas anteriores, como apuntou Maribel. O líder republicano tomará posesión do seu cargo como presidente do 20 de xaneiro, antes queda por diante un proceso de dous meses para o traspaso de poderes.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: