www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Medio ambiente advirte que as multas por verter lixo no monte superan os 900 euros
Política • 3/11/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Concellería incrementa a vixilancia para localizar aos autores dos vertidos que se veñen detectando ata nunha ducia de puntos en diferentes parroquias do concello. Os máis recorrentes son a subida a Trasmañó entrando polo Alto da Encarnación así como diferentes puntos de Chapela e Cesantes. O responsable do departamento insiste en que os autores se enfrontan a multas a partir de 900 euros e lembra que Urbaser retira todo tipo de voluminosos chamando previamente ao 986408034.


Atallar os vertidos ilegais que de xeito reiterado se producen nos montes do concello é o obxectivo da Concellería de Medio Ambiente, departamento cuxo responsable, Miguel Angel Alvarez lembra que ademais das consecuencias medioambientais supoñen un custe económico importante, que o ano pasado ascendeu a máis de 25.000 euros.


Hai detectados unha ducia de puntos nos que sistematicamente se forman vertedoiros ilegais: a subida a Trasmañó, a entrada ao Colexio Vigo, a Fonte da Lata nas inmediacións do Aeroporto, o Camiño da Bruxa en Chapela ou o Camiño do Cocho en Cesantes... lugares que os infractores elixen porque teñen un fácil acceso en furgoneta.


Dende a Concellería veñen de incrementar a vixilancia e xa se localizou ao autor dalgún destes vertidos que se enfronta a penas que van dende os 900 euros a cantidades moi superiores no caso de que se trate de material potencialmente perigoso.


Alvarez insiste en que Urbaser retira todos tipo de voluminosos que teñamos por casa: mobles, colchóns, lavadoras... e que o único que hai que facer é poñerse en contacto coa empresa no teléfono 986408034.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: