Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

O pleno únese ás comunidades de montes na demanda de máis investimentos en prevención
Política • 31/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O presidente da comunidade de montes de Ventosela, Félix Cal, era o encargado de trasladar ao pleno unha iniciativa destes colectivos na que se solicita que as políticas forestais incrementen o seu orzamento en prevención, con maiores achegas para a limpeza e coidado do monte "o que serviría para previr lumes como os vividos este verán en Redondela e que foron unha réplica do acontecido dez anos atrás nos mesmos montes". Denuncian que non se está a cumprir a normativa de seguridade que obriga aos propietarios a manter limpo o perímetro das vivendas e que dende a Xunta hai unha deixazón de funcións á hora de aplicar a Lei de Montes.


A proposta contou co apoio de todos os grupos presentes na corporación, aínda que con matices. Mentres a aposición puña o acento no que entenden é unha política nefasta por parte da Xunta ao investir maioritariamente en extinción, a voceira do PP defendía a actuación do goberno galego.


Argumentaba a popular Carmen Amoedo que "por moito que se limpen os montes cando se prende o lume en varios puntos a situación é case imposible de controlar" lembrando que os responsables dos incendios forestais son "os incendiarios". Defendía tamén as medidas adoptadas dende a administración local "o goberno do PP foi o primeiro en sacar un bando que sanciona a aqueles que non limpan as fincas e ten en marcha un plan para contactar cos propietarios dos montes".


Máis críticos eran os grupos da oposición co traballo tanto do goberno local como do galego. Así, Digna Rivas do PSOE aseguraba que "a Xunta fai caso omiso da súa propia normativa, investindo menos dun 40% do que se destina aos montes en mellorar a xestión cando a previsión era dun 87%".


Mesma crítica facían dende AER e dende o BNG, formación que reclama que se recuperar a franxa de protección de 100 metros arredor das vivendas.


A edil non adscrita Raquel Quintans lembraba que neste verán arderon en Galicia máis de 20.000 hectáreas


No municipio de Redondela arderon na primeira quincena de agosto máis de 230 hectáreas nas parroquias de Ventosela, O Viso e Reboreda.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: