www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Exposición de Edward Gorey no Multiúsos da Xunqueira
Cultura • 31/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Unha mostra bibliográfica dedicada á figura do escritor e ilustrador norteamericano mestre do macabro. Culto e excéntrico, Gorey escribíu máis de cen historias de tono macabro pero cunha elegancia e estilo moi coidados entre os que destacan títulos como Los pequeños macabros ou La niña desdichada. A súa obra influíu en recoñecidos artistas como, por exemplo, Tim Burton.


Os que se acheguen a esta mostra poderán mergullarse na vida e obra deste gran creador, e, por cortesía de Libros del Zorro Rojo, gozar dunha serie de ilustracións e fotos da vida de Gorey. Así mesmo pódese contemplar o Edward Goreys Dracula: A Toy Theatre, unha pequena escenografía baseada nos seus deseños escénicos e de vestiario para a produción de Broadway de Drácula en 1977 e pola que gañou o Tony Award, que inclúe 3 escenarios, 8 personaxes, utilería miniatura e un libro coa sinopse da obra que contén notas do mismísimo Gorey. Esta exposición bibliográfica únese ás que ao longo deste 2016 tiveron lugar na área Espazo aberto do Multiúsos da Xunqueira, dedicadas a ilustradores históricos como Maurice Sendak, Jean de Brunhoff, Anthony Browne e Richard Scarry, realizadas coa colaboración da Fundación Filomena Rivero Alonso, baixo o lema "O libro ilustrado, imaxes que contan" .


Con esta iniciativa téntase promover o hábito da lectura a través dos libros ilustrados, fomentar o sentido estético, coñecer e recoñecer a autores craves do mundo da ilustración, incidir na relevancia que lles corresponde aos ilustradores no mundo da arte e no libro como obxecto de beleza e de exposición Con estes escaparates bibliográficos pretendese, ademais, gañar para a cultura uns espazos pequenos e, aparentemente, inservibles que, por mor desta actividade, convertéronse, en puntos culturalmente dinámicos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: