www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Pais e nais de alumnos e os propios estudantes súmanse ás protestas polas obras da AP-9
Sociedade • 28/10/2016
Autor: Ana Prieto

A Avenida de Redondela volveu acoller esta mañá unha manifestación da Plataforma de Afectados polas obras da AP-9 ao seu paso por Chapela. Nesta ocasión sumáronse pais e nais de alumnos do CEIP Igrexa e do instituto, así como os propios alumnos do IES Chapela. Reivindicaron "a reposición dos servizos afectados, a construción do novo colexio Igrexa e a instalación de pantallas acústicas".


Máis de 300 persoas participaron na movilización, que causou longas retencións na estrada N-552. A manifestación partiu do IES Chapela pola avenida de Redondela en dirección Teis ata a rotonda da AP-9, para regresar de novo ata o punto de partido. Máis dunha hora de percorrido no que reivindicaron "reposición dos servizos afectados, a construción do novo colexio Igrexa e a instalación de pantallas acústicas".O obxectivo dos veciños é que as obras causen "os menores prexuízos posibles" aos residentes na zona, e aos alumnos dos centros de ensino, que están a sufrir ruídos e vibracións "insoportables". A administración e Audasa comprometéronse a construir un novo centro de Educación Infantil e Primaria na zona coñecida como "finca da Ginaria". Pero malia que obras da autoestrada están xa pegadas ao centro, os traballos para o novo colexio aínda non comezaron. Denuncian que despois de máis dun ano sigan pendentes de "trámites burocráticos". Fartos de agardar, os pais e nais dos alumnos saíron á rúa, e advirten que "non consentirán que os alumnos sexan derivados a outros centros como o de Angorén ou Laredo". Estudantes do IES que esta mañá participaban na mobilización, denunciaban esta situación que obriga a ter as fiestras pechadas e impide o normal funcionamento das aulas. Na protesta houbo tamén representación política, coa presenza dos edís do PP Miguel Ángel Álvarez e Arturo González, e o nacionalista Anxo Lusquiños, responsable local do BNG.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: