www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 18 de Outubro de 2018

A oposición forza a denuncia do contrato de Aqualia contra o criterio do PP
Política • 28/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A medida, proposta por AER e aprobada cos votos en contra do PP, permitirá que o servizo saia novamente a concurso ou sexa remunicipalizado no 2018, ano no que remata a concesión que no 1993 se lle concedeu a Aqualia. En caso de non realizarse esta denuncia a empresa actual podería prorrogar o contrato cada cinco anos ata un máximo de 50.


O Pleno de Redondela aprobou a moción presentada pola Agrupación de Electores pola que se establece a denuncia do contrato actual do servizo concedido no ano 1993 á empresa Aqualia para a xestión da auga e o saneamento. A proposta contou co apoio de todos os grupos da oposición e o voto en contra do PP quen argumentou que remunicipalizar este servizo é inviable "o concello non conta cos medios nin os traballadores para xestionar un servizo tan complexo como este" e cualificou a proposta de "improcedente e inconsciente ao carecer dun estudio previo".


Pola súa banda o PSOE defendeu a moción aínda que sen manifestarse claramente a favor dunha remunicipalización. Neste sentido Eduardo Reguera defendía que se elabore un estudo serio no prazo de cinco meses no que se estableza que é máis beneficioso para o concello: sacar o servizo novamente a concurso ou que pase a súa xestión a mans do propio concello. En todo caso, dúas opcións que necesariamente precisan da denuncia do contrato motivo polo que deron o seu apoio a proposta de AER.


Pola súa banda, tanto Raquel Quintans como o nacionalista Xoan Carlos González amosaron a súa conformidade por remunicipalizar o servizo "malia tratarse dun servizo complexo entendemos que logo de 25 anos en mans de Aqualia, o servizo que presta a concesionaria non é satisfactorio e consideramos que "e factible que volva a mans do concello".


O voceiro de AER, Ricardo Figueroa insistía en que a proposta é viable "hai concellos como Teo ou cidades como León que remunicipalizaron o servizo da auga e lograron un aforro respecto de cando estaba en mans privadas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: