www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

A Xunta concede 10.000 euros a Soutomaior para a contratar persoas desempregadas
Política • 28/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Trátase dunha medida destinada aos concellos galegos cunha poboación inferior aos 10.000 habitantes para contratar a persoas desempregadas. Os traballadores realizarán obras ou servizos de interese xeral e social. A administración autonómica subvenciona o 80% do custe salarial.


A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ven de conceder ao Concello de Soutomaior unha axuda de preto de 10.000 euros a través do programa Aprol Rural. O programa busca así mellorar a empregabilidade e a cualificación das persoas que se atopan sen traballo a través da adquisición da experiencia profesional naquelas áreas con menor poboación e con menos oportunidades laborais; contribuíndo así a fomentar a creación de emprego de calidade e a mellora da cualificación e a inserción laboral.


O Concello de Soutomaior é beneficiario desta subvención que lle permitirá ofrecer un contrato de traballo a unha persoa desempregada a tempo completo e durante 6 meses. A data de contratación será dende o mes de novembro e a persoa beneficiaria debe estar inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia e debe estar dispoñible para o emprego.


Os beneficiarios do programa Aprol Rural terán coma cometido a realización de obras de interese xeral e social como o mantemento e revalorización de zonas públicas e naturais, o acondicionamento de espazos municipais, a mellora do servizo ao cidadán, a rehabilitación de espazos públicos ou o coidado e mantemento de vías, entre outros traballos. Así mesmo, permitirá a dinamización e a xeración de novas actividades no medio local e rural onde se desenvolva o traballo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: