www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 17 de Xullo de 2018

Aqualia renova a acometida da auga na Rúa Cruceiro
Sociedade • 20/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

As continuas avarías na rede de abastecemento de auga na rúa Cruceiro, que levou aos seus veciños a presentar por rexistro unha recollida de sinaturas esixindo unha actuación integral que acabara cos continuos cortes no subministro, parece que van ter solución. Así o asegura o concelleiro de Interior Arturo González que achaca os problemas a que "cando se fixo a humanización non se renovaron as acometidas das vivendas malia tratarse de tubaxes moi antigas e en mal estado".


Dende hai dous anos e segundo denuncian os veciños da zona as roturas son constantes, con fugas de auga na estrada e cortes no subministro continuados cada vez que se ten que realizar algunha actuación para arranxar os danos.


As rúas máis afectadas son Cruceiro e Loureiro, debido a que "cando se fixo a humanización da zona non se resolveron certos problemas como a renovación das tubaxes que canalizan as augas" explica o edil Arturo González quen non dubida en engadir que "agora lle toca ao goberno do PP "arranxar as cousas que outros gobernos non fixeron".


Asegura que neste momento e logo de comprobar que as actuacións puntuais non resolvían o problema "arranxábase unha avaría e días despois atopabámonos cunha nova fuga" a empresa Aqualia está "a cambiar todas as acometidas das casas".


En canto aos prazos non se atreve a facer estimacións "é difícil porque non se sabe exactamente o estado no que se atopa toda a canalización". Polo de agora os veciños terán que seguir convivindo coas obras e cos cortes.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: