www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Detida unha parella de Redondela polo roubo de once embarcacións deportivas en Chapela
Sucesos • 19/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Axentes da Policía Nacional detiveron a dúas persoas, un home de 33 anos de idade e unha muller de 32, veciños de Redondela como autores de varios roubos en iates atracados no pantalán de Chapela. A investigación, que arrancou o pasado mes de agosto, logrou identificar aos autores dos roubos e recuperar numerosos efectos subtraídos que foron entregados aos seus propietarios. Os axentes non descartan que máis embarcacións foran vítimas de roubos similares sen quen os seus propietarios teñan constancia dos feitos.


A investigación arrancou a mediados de agosto logo de que se denunciaran varios roubos no interior de embarcacións de recreo que se atopaban atracadas nun pantalán de Chapela. Os investigadores contactaron cos propietarios para coñecer que obxectos foran roubados e iniciar unha procura a través de páxinas web especializadas e establecementos de compraventa deste tipo de material. Ao tempo que se avanzaba na investigación repetíronse os asaltos ata en cinco ocasións noutro pantalán próximo.
A investigación apuntou finalmente á parella detida cuxo seguimento permitiu localizar en diferentes locias o material subtraído: altavoces mariños, equipos de comunicación e navegación por satélite e outros efectos relacionados co mar ou a pesca deportiva. Un material que foi recuperado e entregado aos seus lexítimos propietarios. Con todo, recuperouse material que ninguén recoñeceu como propio, polo que os investigadores non descartan que máis barcos fosen vítimas do roubo e  que os seus propietarios aínda non o saiban.


A detención da parella tivo lugar a última hora da tarde de onte, sendo trasladados a dependencias policiais, onde se comprobou que o varón xa contaba con antecedentes por feitos semellantes. 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: