www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 18 de Outubro de 2018

O PP alega que a Comisión de seguimento non se convoca pola situación de interinidade do goberno
Política • 17/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Así o afirma o concelleiro de interior Arturo González quen asegura que dende o goberno recollen as peticións dos grupos da oposición, tanto do BNG que ven de solicitar por rexistro que se convoque un pleno extraordinario para debater os últimos acontecementos producidos polas obras de ampliación da AP-9 en Rande, como a solicitude de PSOE e AER quen reclaman a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento. De feito asegura González que a petición xa está feita pero que "a comisión non se convoca pola situación de interinidade do goberno". O edil comprométese a estar "ao lado daqueles veciños de Rande que soliciten a expropiación".


Membros da Asociación de afectados pola Ampliación da AP-9 volvían concentrarse na mañá de hoxe na zona de Cabanas e Rande. O obxectivo é manter o foco de atención nun lugar no que días atrás as actuacións da empresa construtora eran paralizadas ao poñer en perigo a seguridade dos veciños. Uns propietarios que estudan solicitar a expropiación das súas vivendas "ao comprobar que coa ampliación van quedar baixo a ponte" o que lles vai restar calidade de vida". Dende o goberno local aseguran que "imos estar ao lado dos veciños que soliciten a expropiación". O concelleiro de interior entende que malia que dous anos atrás estes propietarios non solicitaron a expropiación "agora teñen dereito a rectificar e nos apoiaremos a aqueles que así o decidan".


Negan as críticas da oposición que lles recriminan "ocultar información por non convocar unha comisión de seguimento na que está presentes todos os grupos políticos e os veciños". Neste sentido apunta González que "a comisión de seguimento non se convoca pola situación de interinidade do goberno, descoñecemos se a xente que viña en representación e Fomento vai seguir sendo a mesma" e conclúe asegurando que non teñen problemas en convocar, tal e como ven de reclamar o BNG, un pleno extraordinario para abordar esta cuestión "decidirase na xunta de portavoces que se celebra mañá martes".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: