www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Arealonga F.S., o fútbol sala en feminino
Deporte • 14/10/2016
Autor: Ana Prieto

O club de Chapela, que vén facendo un gran traballo coas categorías do deporte base, contará este ano cun equipo cadete feminino na Liga Autonómica. Para a directiva do club a canteira é "fundamental" e o obxectivo é "educar" aos nenos e as nenas neste deporte de equipo.


O presidente da entidade, Iván Vázquez, vive con "satisfacción" a inscrición do equipo feminino cadete na liga galega. Supón "un paso adiante" no traballo do club e unha recompensa ás rapazas que desde moi pequenas adestran e xogan a fútbol sala co Arealonga F.S. A canteira é sen dúbida unha das prioridades do club, con equipos en todas as categorías. Un aspecto no que seguen mellorando ano tras ano, incorporando novos xogadores desde os 4 anos de idade, na categoría "mini", ata os xuvenís, pasando polos prebenxamíns, benxamíns, alveíns, infantís e cadete. Vázquez Figueroa aposta pola "labor social" social do club, que ofrece unha alternativa de lecer saudable aos nenos e nenas, aos que tentan "educar no deporte".


Liga Galega Sur


En canto ó equipo de máxima categoría, os sénior da Liga Galega Sur, a temporada non comezou demasiado ben para eles. Logo de dous empates o Arealonga F.S. está na metade da táboa. O equipo terá que superar a importante transformación que sufriu con respecto á pasada temporada. As numerosas baixas no combinado obrigaron a facer novas incorporacións. Un equipo con xente "moi nova" que ten aínda que adaptarse á categoría e ao xogo do equipo. A pasada fin de semana perderon en Chapela o derbi ante o Redondela F.S., un rival ao que Vázquez lle augura moi bos resultados esta temporada. A próxima xornada desprázanse para xogar co Gondomar. Un encontro que prevén será "duro e intenso". En canto ao resto de equipos locais da liga autonómica, o Redondela F.S., que se mantén na terceira praza da categoría, recibe o sábado no pavillón novo ao Tui, partido que se disputará ás 16.15 horas. O Campito situado na penúltima praza, tentará facerse coa vitoria nun partido que disputa na casa, onde recibe ao Ourense.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: