www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 17 de Novembro de 2018

Chapela e Rande reviven a invasión das tropas anglo-holandesas
Cultura • 14/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A recreación histórica da batalla naval acontecida no ano 1702 nas augas da Ría e a invasión das tropas anglo-holandesas son os actos centrais dunha conmemoración que este ano ten como novidade o desembarco que a partir das 20:00h da tarde se vivirá na Praia de Arealonga. Unhas actividades organizadas pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande en colaboración co Concello que celebran o día grande o sábado, xornada na que a contorna do Meirande acollerá representacións teatrais, un mercadiño de artesanía con demostracións de oficios tradicionais e exhibicións de espadachíns.


Os actos desta III edición arrancan hoxe venres cunha escenificación na praia de Arealonga na que se representará o desembarco das tropas invasoras. Un feitos histórico tal e como lembra o presidente da asociación de Rande, Juanjo Comesaña, que permite ampliar as celebracións a un día máis respectando tamén os feitos acontecidos no 1702 "sabemos que hai unha base histórica nese levantamento do campesiñado e os mariñeiros da zona contra as tropas anglo-holandesas".


Uns actos que comezarán ás 18:00 horas cunha concentración dos grupos de música na Alameda de Chapela para a continuación saír en desfile cara a praia, onde ás 20:00 horas arrancará o desembarco.


Programación que é posible grazas á intensa colaboración veciñal, que nesta edición ascende a 150 persoas entre actores e figurantes, aos que habería que engadir a todos os veciños que dende hai semana están a traballar na elaboración de traxes e atrezzo.


Na xornada do sábado, toda a programación desprázase ao barrio de Rande que regresará ao século XVIII para revivir o combate naval que enfrontaba no ano 1702 as escuadras anglo-holandesa e hispano-francesa.


Unha xornada na que haberá moitas actividades en paralelo xa que ademais das propias representacións haberá un mercadiño con postos de artesanía e gastronomía así como demostración de ocios tradicionais a cargo dun telleiro, un cesteiro e un zoqueiro. Sen esquecer unha interesante exposición de barcos tradicionais que congregarán nas inmediacións do Meirande máis de 20 embarcacións.


Unha festa para todos  baixo a dirección dos actores de Escuadra 17, quen imprimen a todos estes actos históricos un ton humorístico e apegado á actualidade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: