www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

Pinocho abre a tempada do Outono teatro co cartel de completo nas dúas funcións
Cultura • 10/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Outono teatro arrancaba este domingo cunha proposta infantil e facíao coas entradas esgotadas para as dúas funcións, ás 17:00 e as 19:00 horas. Nas vindeiras semanas pasarán polo Multiúsos da Xunqueira catro compañías profesionais que ofrecerán cinco obras que abarcan todos os gustos, dende o teatro máis experimental ata as adaptacións de dous clásicos da literatura como son Os Vellos non deben de namorarse ou O Lazarillo de Tormes, adaptacións que correrán a cargo da compañía teatro do Morcego.


O Outono Teatro, promovido pola Concellería de Cultura, achegará nas vindeiras semanas ao auditorio un total de cinco representacións que se celebrarán os sábados ás 20:00 horas agás a obra "O secuestro da bibliotecaria" que terá lugar o domingo día 9 ás 18:00 horas.


A proposta máis inmediata será a comedia Panamericana a cargo da compañía A Panadaría, obra que se representará o vindeiro sábado día 15 de outubro. Un musical no que tres actrices interpretan 24 personaxes. Miranda Celia del Río, é unha artista de éxito no seu país, Panamérica, pero a presión da fama fai que fuxa na procura dunha vida mellor. Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman son as tres mulleres que dan vida a ese amplo elenco de personaxes.


Xa na vindeira semana, o día 22 será o Teatro Ensalle quen achegue a Redondela a súa última obra "Las calles corrían por las calles". Unha compañía vinculada á sala alternativa homónima en Vigo desde 2003 e que aposta por narrativas escénicas emerxentes, tanto en danza como en teatro sen deixar de lado unha visión crítica que trasladan tamén aos seus espectáculos.


Sarabela Teatro será a encargada de arrancar o mes de novembro coa representación o domingo 6 ás seis da tarde da obra "O secuestro da bibliotecaria".


Teatro do Morcego será a compañía responsable das dúas últimas propostas do ciclo, Os vellos non deben namorarse o 10 de decembro e O Lazarillo de Tormes o día 19 dese mesmo mes.


As entradas teñen un prezo de 5 € público en xeral, entrada reducida a 3 € para estudantes, xubilados e desempregados e poden retirarse no MUltiúsos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: