www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

25 anos de cultura e música
Cultura • 4/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación Cultural e Social de Chapela inaugura este venres ás 20:00 horas na sala de exposicións do Multiusos de Chapela a mostra "25 anos fomentando a cultura" na que se recollen unhas trescentas fotografías que serven para lembrar os momentos máis salientables do Colectivo dende a súa posta en marcha no ano 1991. Os membros da Asociación renderán unha homenaxe ao seu fundador, Alejandro Bastos.


A posta en marcha da banda de Música, a loita por conseguir que se dotara a parroquia dun Multiusos no que desenvolver actividades culturais e sociais, o arranque dos diferentes grupos de baile ou a propia orquestra da Escola de Música, forman parte da historia dun colectivo que nacía 25 anos atrás e que a día de hoxe é memoria viva de Chapela.


Todos eses momentos poderanse revivir a través das imaxes, unhas trescentas, que integran a exposición que se inaugura este venres no Multiúsos do Piñeiral e que se poderán visitar nas vindeiras semanas. Son centos de fotografías en papel das máis de 4000 fotos en formato dixital que compoñen o arquivo visual da asociación. A mostra completarase con distintos trofeos acumulados durante estes anos polos grupos de música e baile que forman parte desta Asociación e tamén notas de prensa de distintas época cunha sección dedicada especialmente ás reivindicacións e a loita da Asociación para conseguir o actual Multiúsos de Chapela.


No transcurso da inauguración faráselle unha pequena homenaxe ao seu fundador, Alejandro Bastos, e actuará un quinteto da Escola de Música.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: