Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

Redondela solicitará á Xunta que se recupere o mercado de gando
Política • 3/10/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A moción, presentada polo BNG e aprobada pola maioría do pleno, promove que o mercado de gando volva celebrarse en Redondela, unha feira que deixou de ter lugar anos atrás logo de que se decretase que o lugar non cumpría cos requisitos precisos para o seu desenvolvemento. Os nacionalistas entenden que recuperar este mercado podería incrementar a actividade económica relacionada co sector agrogandeiro da comarca e converterse nun recurso máis para facilitar a venda de produtos de primeira calidade. O PP dubida que exista demanda para a realización desta actividade e pon en cuestión que se ubique nas inmediacións dos colexios públicos.


Lembran dende o BNG que a Feira de Redondela serviu durante décadas para fomentar a venda de produtos de carácter local de pequena escala. Pequenos produtores dos arredores achegábanse á Vila, cada quince días constituíndo un importante recurso para moitas familias das parroquias e de concellos veciños.


Hai anos que se rematou coa feira de gando en Redondela. A Xunta de Galicia decidiu clausurala sen que ata o día de hoxe, se tomara ningún tipo de medida para recuperala. Explican os nacionalistas que o seu partido presentou diversas iniciativas aos orzamentos da Xunta para que se dotara dunha partida específica de 300.000 euros para a mellora da infraestrutura da Feira do Gando pero que foron rexeitadas polo PP.


A proposta contou co apoio de AER e dos socialistas, quen a través do edil Leonardo Cabaleiro propuña que a rehabilitación deste espazo permita crear unas instalación versátiles, nas que ademais de albergar esa feira de gando os días 6 e 21 de cada mes permita o seu uso para outro tipo de actividades.


Dende o PP pola contra puxeron en dúbida que haxa interese por parte de produtores e veciños por recuperar esta feira de animais. O popular Miguel Ángel Alvarez, edil de medio ambiente, tamén cuestionaba que se reubique o gando nun espazo "que xa padece os cheiros da depuradora e onde hai centros educativos e sanitarios".


A proposta contou cos apoio da aposición ao entender que a recuperación da Feira do Gando podería converterse nun recurso máis para facilitar a venda de produtos de primeira calidade. Deste xeito o sector agrogandeiro da bisbarra permitiría o desenvolvemento dunha actividade a pequena escala, motivo polo que solicitan a Xunta a que recupere esta actividade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: