www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Decembro de 2018

Leonardo Cabaleiro (PSOE): "Que falen as bases"
Política • 29/09/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O secretario xeral dos socialistas redondeláns, malia recoñecer e non restar importancia ao difícil momento que está a atravesar o seu partido a nivel estatal con dúas faccións enfrontadas: os que apoian a Pedro Sánchez e os que esixen a súa dimisión coa andaluza Susana Díaz á cabeza, entende que o PSOE "vai sair reforzado". Insiste en que non hai posicionamento oficial do PSOE a nivel local "non se reuniu a executiva" pero a título persoal defende a postura de Sánchez "que falen as bases".


A crise interna no PSOE precipitouse a raíz dos malos resultados acadados polo PSOE tanto no País Vasco como en Galicia o pasado domingo, pero xa se viña fraguando dende hai meses. As dúas posturas enfrontadas sobre que posición adoptar ante unha hipotética nova sesión de investidura de Mariano Rajoy: votar non (postura defendida por Sánchez) ou absterse e permitir que goberne o PP (postura defendida polos "críticos" con Susana Díaz a cabeza) deu como resultado onte a dimisión de 17 membros da Executiva socialista con intención de forzar a dimisión de Sánchez.


O líder do PSOE malia todo mantense e avoga por un calendario que pasa por celebrar primarias e que sexa a militancia quen se pronuncie. Na mesma liña manifestase tamén o secretario xeral dos socialistas en Redondela, Leonardo Cabaleiro quen insiste "que falen as bases".


Sobre a postura do PSOE de Pontevedra, controlado por Caballero e cuxo secretario provincial Santos Héctor manifestábase onte en contra de Sánchez apoiando ás dimisións da executiva e polo tanto ao sector crítico, asegura Cabaleiro que "a opinión de Santos Héctor é moi respectable pero non ten porque ser compartida polas agrupacións locais".


Finalmente insiste en que o máis beneficioso tanto para o partido como para a vida política é que a crise se peche canto antes e asegura que deste proceso "o PSOE vai saír reforzado".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: