www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Un veciño de Chapela protagoniza a anécdota da xornada ao depositar na urna un sobre con 200€
Política • 26/09/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Un veciño da parroquia de Chapela convertíase en protagonista involuntario da xornada electoral de onte ao confundir o sobre co seu voto con outro sobre no que levaba diñeiro para facer un agasallo nun bautizo, e acabou depositando o segundo na urna con 200 euros. O home recuperou os cartos logo de que rematase o baleirado da urna nunha das mesas do CEIP Alexandre Bóveda.


Pasadas as 19:00 horas, o home presentouse no colexio electoral acompañado dunha dotación da Policía Nacional para tentar recuperar o sobre co diñeiro. Segundo explicou, viña dun bautizo en Ourense e, ao dar o agasallo, decatouse de que estaba a entregar o sobre electoral co seu voto. Dado que o home xa votara, concluíu que o que depositara na urna era o sobre cos 200 euros do agasallo.


A presidencia da mesa electoral decidiu esperar a que finalizasen as votacións e pechase o colexio para comprobar o contido da urna. Así, o home esperou até pasadas as 20:00 horas, momento en que se baleirou dita urna e comprobouse que, efectivamente, había un sobre branco con 200 euros dentro.


Co visto e prace da presidenta e a supervisión dos interventores e os axentes de Policía, permitiuse a este votante recuperar o seu diñeiro e entregar, a cambio, o seu sobre electoral, esta vez si, coa súa papeleta dentro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: