Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

O Castelo de Soutomaior recupera as figuras de Pedro Madruga e María Vinyals
Cultura • 23/09/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Deputación de Pontevedra pon en marcha as primeiras visitas teatralizadas no castelo de Soutomaior co obxecto de poñer en valor o patrimonio e atraer a un maior número de visitantes. Os actores da compañía Limiar teatro son os encargados de guiar aos visitantes polo interior do castelo e polos seus espectaculares xardíns nunhas visitas que se desenvolverán ata o vindeiro 23 de outubro e que teñen xa boa parte das prazas esgotadas.


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, participaron nunha visita teatralizada piloto ó Castelo de Soutomaior para coñecer in situ o seu desenvolvemento. As visitas, que se estenderán ata o 23 de outubro, serán as primeiras que se organicen no castelo e teñen xa nestes momentos boa parte das prazas cubertas, motivo polo que dende o organismo provincial e ante o éxito da iniciativa estudan xa amplialas no tempo para dar a oportunidade a un maior número de persoas de achegarse a este espazo dun xeito diferente.


Estas visitas, que terán lugar de xoves a domingo, duran aproximadamente 45 minutos e nelas actores e actrices, vestidos de época, reviven en clave humorística, algúns momentos da historia do castelo. Durante o percorrido, que se vai desenvolver tanto dentro como fóra do castelo, "os visitantes - tal e como destacou a Presidenta da Deputación de Pontevedra- poderán ver desde ó señor do Castelo, Pedro Madruga, ata unha grande muller que marcou o camiño para que as demais foramos detrás dela defendendo os nosos dereitos, María Vinyals, outra gran muller como Emilia Pardo Bazán ou un trobador".


Esta iniciativa forma parte do Plan de usos e Viabilidade do Castelo que ten en marcha a Deputación co obxectivo "de que o Castelo e o seu xardín sexan visitados por milleiros de persoas para que poidan coñecer a nosa historia, xa que non se pode construír presente nin futuro sen recoñecer o pasado e, o noso, foi grandioso".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: