www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Retoman as mobilizacións para esixir barreiras acústicas e reposición de servizos en Chapela
Sociedade • 19/09/2016
Autor: M. X. Queimaliños

"As actuacións para minimizar os efectos das obras non van en paralelo coa celeridade dos traballos" así o expresa dende a Asociación de Afectados pola ampliación da AP-9, Francisco Puch. Entre outras cousas demandan un compromiso por escrito que garanta a instalación de pantallas acústicas e que se repoñan os servizos afectados. Por ese motivo xa solicitaron unha reunión co alcalde, Javier Bas e esixen que se convoque a Comisión de seguimento das obras. Anuncian tamén que a final de mes retomarán o calendario de mobilizacións.


As obras de ampliación da AP-9 continúan en Chapela deixando ao seu paso camiños cortados, maquinaria nos laterais da autoestrada, conos que sinalizan os traballos... imposible non decatarse dunha ampliación que durante anos contou coa oposición da Asociación de Afectados. Agora as súas reivindicacións pasan por minimizar na medida dos posible os efectos da obra e garantir que se inclúan melloras que diminúan o impacto que a intensa circulación pola autoestrada supón para os veciños que residen a súa beira.


Unha das demandas máis insistentes é a encamiñada a rebaixar a contaminación acústica. Lembra Francisco Puch que hai un compromiso por parte do Ministerio de instalar pantallas antirruído na autoestrada aínda que engade "o compromiso é verbal, non hai nada por escrito nin nada en firme que garanta que Fomento e Audasa vaian incluír esa mellora". Entenden que para evitar que esa demanda quede no esquecemento é preciso facer presión. Súmanse así ás críticas que estes días tamén chegan dende o barrio vigués de Teis, prexudicados tamén pola elevada contaminación acústica no acceso da AP-9 a Vigo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: