Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Incomunicados en Chapela
Sociedade • 15/09/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Carlos Sueiro e a súa familia viven día a día coas dificultades que lles provocan os seus problemas físicos. Unha situación que se ve agravada pola carencia dun acceso en condicións que lles permita chegar a súa vivenda xa que o tramo do Camiño da Costa que desemboca na súa casa "é intransitable, un carreiro esvaradío e sen apenas luz e polo cal non podería pasar un vehículo de emerxencia". Por este motivo solicitan ao concello que proceda a ensanchar o vial. Veñen de iniciar unha recollida de sinaturas no portal change.org para sumar apoios a súa petición.


Os catro membros da familia de Carlos Sueiro padecen diversos problemas de mobilidade. A consecuencia da idade ten que botar man dun bastón para poder camiñar e o seu fillo perdeu unha perna a causa dunha enfermidade. As outras dúas persoas que residen na vivenda padecen tamén diferentes doenzas que afectan a súa capacidade para se desprazar. A estes problemas de saúde estes veciños de Chapela suman o feito de que a súa vivenda se atopa ao final do Camiño da Costa, un vial que non ten a anchura suficiente para empregar un vehículo.


Por ese motivo temen que nalgún momento teñan que necesitar dunha ambulancia "xa que o carreiro non ten anchura suficiente para o paso dun vehículo de emerxencias" e levan anos solicitando ao goberno local que acometa a obra de ampliación desta rúa. Aseguran os afectados que "son menos de douscentos metros" pero que dende o Concello "o único que recibimos son boas palabras e ningún compromiso".


As últimas informacións ao respecto é que o Plan Xeral, en fase de elaboración, contemplaría anchear ese camiñoo ata os 8 metros. Os afectados non cren que iso sexa necesario "bastaría con anchealo o suficiente para que pase un vehículo, pero que se faga canto antes".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: