www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

O BNG reivindica solucións ás carencias dos colexios de Santa Mariña e Quintela
Política • 15/09/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Acusa á Xunta de ter abandonados estes dous centros públicos que durante os últimos anos veñen demandando de xeito reiterado que se atenda ás súas necesidades. No caso do Santa Mariña lembran que o centro carece de patio cuberto "o que supón que o seu alumnado non poida saír ao patio nos días de chuvia". En Quintela a comunidade educativa segue esperando que se substitúa a súa cuberta "construída con materiais potencialmente perigosos".


Arranca un novo curso escolar e dende o BNG denuncian que nestes dous centros públicos do concello, o Santa mariña e o colexio de Quintela, faino coas mesmas carencias e as mesmas demandas que se veñen repetindo dende hai anos. Unha falta de actuación por parte da Xunta de cara a dar resposta a esas peticións que os nacionalistas entende "é unha clara represalia polas súas accións reivindicativas, un exemplo máis das políticas caciquís do PP".


No caso do único colexio de primaria da Vila, lembra o BNG que a construción do patio cuberto, xunto ao comedor escolar, foi a grande demanda dende hai máis dunha década. "As familias seguen considerando que é totalmente ilóxico que os catrocentos alumnos do colexio non poidan saír os días de choiva". Numerosas iniciativas e mobilizacións, mocións, recollida de tres mil sinaturas, concentracións ante o concello que non deron resultado. Insisten en que incluso o propio alcalde, Javier Bas, levou este actuación no no seu programa electoral no 2011 "pero non a cumpriu".


Pola súa banda, engaden "o Colexio de Quintela foi outro dos damnificados pola falla de compromiso da Xunta, e a neglixencia do goberno municipal. Dende que nos temporais do 2012, parte do tellado se levantara, descubríndose que estaba construído con materiais potencialmente canceríxenos, tanto o Consello Escolar, como as familias levaron a cabo diferentes iniciativas" sen que se teñan acometido as obras de substitución.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: