www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

15 mozos desempregados fórmanse en deseño de produtos gráficos e pintura decorativa
Sociedade • 15/09/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Arranca en Redondela o curso Emprega Xove II, un programa mixto de formación e emprego conta con dúas especialidades: deseño de produtos gráficos e pintura decorativa en construción, orientado a menores de 30 anos e cunha duración de seis meses. Os participantes encargaranse de arranxar e pintar o edificio multiúsos e de realizar proxectos de deseño gráfico para diferentes departamentos municipais.


A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, deu comezo no Multiusos da Xunqueira de Redondela o obradoiro de emprego específico para menores de 30 anos Emprega Xove II, no que se ofrece formación e traballo a 15 mozos e mozas desempregados do municipio durante 6 meses.


A iniciativa forma parte do programa de Garantía Xuvenil e para a súa posta en marcha a Xunta inviste máis de 130.000 euros. Este tipo de programas mixto de formación e emprego se centran na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo para os menores de 30 anos que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realicen. Ademais, esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.


Neste caso concreto, o obradoiro formará a 15 mozos e mozas nas especialidades de deseño de produtos gráficos (7 persoas) e pintura decorativa en construción (8) durante 6 meses onde ademais de recibir formación tamén percibirán o salario mínimo interprofesional.


O fin do obradoiro é a formación nestas dúas especialidades e, concretamente, entre os obxectos de actuación atópase o arranxo e pintado interior dos parámetros verticais e horizontais do edificio multiusos substituíndo as pezas de pladur ou escaiola que se atopan deterioradas así como o pintado do conxunto do edificio, e tamén a realización de proxectos de deseño gráfico e multimedia para os departamentos de desenvolvemento local, biblioteca, servizos sociais e participación cidadá.


A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, acompañaron ao alcalde de Redondela, Javier Bas, hoxe no inicio do obradoiro, onde deron a benvida aos 15 participantes ademais de saudar ao persoal a cargo do mesmo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: