www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 30 de Maio de 2020

Saxamonde celebra o vindeiro fin de semana a II Festa do Viño da Casa
Sociedade • 13/07/2009
Autor: Lorena Otero

Este ano a festa conta coa novidade dunha exposición de fotografías antigas da parroquia ademais de exhibicións de baile, pasarrúas, títeres, a actuación do dúo Caruncho e a música das Pandereteiras de "Arela" de Saxamonde e "As Tarambainas" de Labadores.


Co obxectivo de dinamizar a vida social e cultural desta parroquia redondelán, a Asociación  Cultural “Chan das Pipas”, organiza por segundo ano consecutivo a Festa do Viño da Casa que durante o 18 e 19 de xullo permitirá a todo aquel que se achegue a esta parroquia gozar cos caldos dos viticultores da zona, que estarán acompañados de carne ao caldeiro, polbo, e empanadas a prezos populares.

As casetas de degustación abrirán a partir das 18.00 do sábado na Área Recreativa de Chan das Pipas. Ademais este ano a programación conta con novidades como unha exposición de fotografías históricas da parroquia elaborada grazas á colaboración dos veciños. Tamén se fará unha demostración do traballo do alumnado de diferentes cursos de baile impartidos durante todo o ano. O sábado a partir das 20.00 celebrarase esta exhibición que correrá cargo da Escola de Baile Moderno de Saxamonde e a Escola de Baile Latino Vigo-Salsa. As nove “Os de Sempre” de Lavadores encargaranse de levar a festa a rúa e pola noite a partir das 22.00 horas actuarán as Pandereteiras de Saxamonde “Arela” e as pandereteiras “As Tarambainas” de Lavadores. O humor porano os Caruñonchos coas súas enxeñosas regueifas na noite do sábado.

A festa continuará o domingo, ás 11.30 horas abriranse novamente as casetas de degustación. Unha hora e media despois haberá sesión vermú que estará amenizada pola Orquestra de Saxos de Redondela e ás 14.00 horas celebrarase o xantar popular. Pola tarde, a partir das 17.30 horas, a Asociación Chan das Pipas organiza xogos tradicionais e populares para cativos e maiores e o peche da II Edición da Festa do Viño da Casa correrá a cargo dos monicreques da agrupación Tanxarina a partir das 19.30 horas. Unhas actividades que se organizan coa colaboración da Concellería de Cultura de Redondela e a Comunidade de Montes de Man Común de Saxamonde e que se celebrarán na Área Recreativa de "Chan das Pipas". 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: