www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

Normalización Lingüística reparte 2025 axendas escolares entre o alumnado
Cultura • 14/09/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela, veñen de editar a Axenda escolar redondelá 2016-17, que recibirán 2025 alumnas e alumnos dos centros de ensino públicos do concello. Este é o quinto ano consecutivo no que o Servizo de Normalización Lingüística se encarga da edición destas axendas escolares, co obxectivo de divulgar a cultura e o patrimonio locais entre a poboación máis nova, e promover a normalización da lingua galega entre o alumnado redondelán.


As axendas estanse a distribuír de xeito gratuito entre o alumnado de ensino primario do CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa-Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo, e do 1º ciclo da ESO do IES Chapela, IES Illa San Simón, IES Mendiño e IES Pedro Floriani.


A edición para o curso 2016-2017 inclúe algunhas das actividades de dinamización e normalización lingüística desenvolvidas durante o curso pasado por este SNL para os centros de ensino: roteiros de toponimia, obradoiros de teatro radiofónico, actividades de narración oral, representacións teatrais e actividades das Letras Galegas 2016.


Ademais inclúe traballos escolares e as impresións do alumnado participante nas actividades desenvolvidas. Tamén se recolle parte do patrimonio inmaterial a través de ditos e coplas, a onomástica en lingua galega, as conmemoracións escolares e as celebracións propias de Redondela, e contidos relacionados especificamente coa toponimia local.


Con esta publicación o alumnado redondelán recibe unha ferramenta útil para a organización das tarefas escolares, pero ademais serve para incentivar o seu interese polo seu contorno, a cultura local, e para normalizar o uso da lingua galega na súa vida diaria.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: